Civilización (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/03/2001)

Hai un par de anos apareceu unha novela ambientada no último cuarto do século XVIII que viña dando unha visión de Ferrol, Galicia, España, Europa e as Américas na que os personaxes opinaban sobre a necesidade de funcionarios e eclesiásticos seren “do reino”. Esa novela, como tantas de tema histórico, estaba abondosamente documentada. Recollía escritos que non deixan lugar ás dúbidas.
Moi probablemente monseñor Gea Escolano, azoute de separatistas, non a leu, porque estaba escrita nunha lingua de “gente sencilla” que non pode competir co seu “español”, nin sequera para dirixirse ao Altísimo.
O que cumpría preguntarlle a ese crego foráneo é se, dentro da teoría que puxo en circulación estes días, cabe que a calquera diócese española veña un prelado de país católico e próximo, tal como pode ser un portugués ou un francés, vagamente coñecedor de historia, costumes e mentalidade do pobo a pastorear.
Tamén sería bo preguntarlle se coñece algo que aseveran lingüistas e filólogos: que a fala creada por un pobo condiciona o pensamento dos falantes…
Non todo o mundo é partidario da España monolingüe do nacional-catolicismo que vía pasar o Xeneralísimo baixo palio. Hai quen entende España como un ente cultural superior, unha civilización capaz de acoller realidades lingüísticas diferentes, todas comprendidas por Aquel que todo comprende.
Xente complicada, lida, viaxada, experimentada, rexeita unha xerarquía relixiosa colonizadora en espírito.
Mais esa xente non se oporía aos bispos alleos se foren civilizados.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/03/2001]

Share

Deixar unha resposta