GDXL (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/03/2001)

Desde o punto en que escribo, contemplo unha parede chea de andeis con libros. Un andel é para diccionarios: máis de trinta, que relacionan os idiomas polos que se move a miña multiglosia consciente e orgullosa.
Hainos xerais, enciclopédicos, etimolóxicos, tecnolóxicos, de sinónimos, de verbos, do latín aos romances, multilingües, da rima… Non falta un do mapuche (lingua belísima) ao castelán; nin outro crioulo pampeano ilustrado.
Tras de cada diccionario hai eses inmensos acúmulos de coñecemento que fixeron dicir a un antropólogo americano que “cando se perde unha lingua é como se caese unha bomba no Louvre”, ficando curto na comparanza porque un pobo non é un museo, e os pobos defínense polas falas que os fan diferentes (e digo falas, que mesmo poden ser fragmentos de idioma maior).
Nunha mesiña accesoria, xunto do ordenador, hai media ducia máis de diccionarios, os de uso continuo.
Entre eles estivo ata agora o DXL, Diccionario Xerais da Lingua, con quince anos de uso como mostra o deterioro do tomo.
Estivo e volverá estar, pois ao seu espléndido substituto aínda lle falta algo.
Fixen sitio ao GDXL, Gran Diccionario Xerais da Lingua, porque as súas case cen mil entradas teñen explicación para todo (menos para exquisiteces de certos campos semánticos das tecnoloxías e as técnicas).
Pero —malia coincidiren os autores dos dous— o novo non inclúe algo importante que o primeiro tiña: a explicación etimolóxica que axuda a matar dúbidas e, por veces, dá literaria razón de ser a un termo ousado ou desusado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/03/2001]

Share

Deixar unha resposta