Dreamworks (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/03/2001)

Desde cativo, o que me parece inverosímil nos filmes amólame tanto que me imposibilita seguir a narración. Nunca estiven disposto a ser cómplice dos directores, nin por iso nin por falta de “tensión narrativa”.
Neste segundo caso, cando a historia non mantén vivo o meu interese, normalmente opto por botar unha soneca.
Iso foi o que me aconteceu nun cine de Londres vendo aquela película de Mitsotakis sobre Xesús Cristo que tanto escándalo causara. E o mesmo lle aconteceu na casa á miña muller vendo Gladiator, fita que ela escolleu.
Comezaba a narración con forza, a mostrar unha batalla entre lexións romanas, ao mando de Maximus Hispanus, e hordas de bárbaros da Xermania. Acompañaban nas escenas de principio o emperador e os seus fillos, acontecía un crime nefando…
Pero os acontecementos non eran presentados con intensidade dabondo como para impedir toques de fastío nin a que a señora se entregase a Morfeo.
Eu seguín a mirar a obra de Dreamworks por interese profesional, de ver a onde chegaba a fantasía dos procesadores dixitais, que verten ao celuloide a imaxe imaxinaria animada en mestura coa imaxe real.
Pero a verdade é que silenciei a gargallada malamente, porque só na mente dun ianqui incultísimo cabe que un home ferido, con dous cabalos (montura e remonta), fose capaz de chegar desde a Xermania aos confíns da Hispania; e que, a seguir, inconsciente, fose levado escravo para un país do norte da África…
Notas de guitarra sobre a paisaxe ideal de Emerita Augusta acababan de esmendrellar todo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/03/2001]

Share

Deixar unha resposta