Esnafrarse (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/03/2001)

De novo diluvia, e a autoestrada convértese nun perigo mortal. Sálvome porque a tecnoloxía (sempre boa se o fin é bo) produce dispositivos de reacción máis rápida cá humana: o control de esvaramento recompón a marcha do vehículo no medio dunha poza longa…
Con chuvia grosa chego ao MITE, en Silleda, nas instalacións da Semana Verde que agredidas polos ceos, que mostran pingueiras aquí e alá. Entro nunha sala chea de xente que escoita hipóteses por boca dun empregado de grande empresa vendedora de inventos “punto.com”, como se Internet fose resolver todo no mundo.
Non resisto a necesidade de dicir catro verdades e de proclamar que xa estou farto do uso innecesario do inglés mal pronunciado polos novos bruxos da nosa sociedade colonizada.
A cousa non acaba ben de todo; e marcho a oír a conferencia dun señor ianqui e digno, de apelido xudeu, que fala excelente inglés e, nese idioma acrioulado na América onde todo se inventa, vénnos dar explicación de por que alá ocorre o que aquí parece aínda unha quimera:
Nos Estados Unidos nacen empresas aos milleiros, cada día, e case tantas morren a cotío; pero as que sobreviven van conquistando o mundo, impondo a súa cultura imperial, irresistible, que se calca nas colonias.
Dúas frases do señor Cohen definen a razón do triunfo ianqui en materia de empresa:
“Willingness to fail” (a condescendencia co fallo) e “bankrupcy as badge of honor” (a quebra como distintivo honroso).
Non está mal visto esnafrarse, mesmo unhas cantas veces. E sempre hai capital para as probas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/03/2001]

Share

Deixar unha resposta