Fraquezas (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/03/2001)

A radio é un medio quente e inmediato. Exprésase coa palabra e o son, co que suxire máis fortemente. E permite andar en moitos choios mentres se escoita.
Conducindo oio a Radio Galega. Unha reporteira describe a escena patética: o Laureano esposado, tentando achegarse ao cadaleito da Esther.
O tumulto é grande e o micrófono da radio que uniu Galicia, de Ribadeo a Tui e da Fisterra á Pedrafita, recolle a síntese do drama nun berro repetido -“¡Asasinos!”- e na frase dunha voz de ancián: “Tanto rapaciño como morreu e tanta familia que foi á ruína”.
España é a Madre Patria, non república filla. Aquí estamos nas nacións que pintaron de negro Goya e Valle-Inclán. Os españois non perdoan. Os “vivos” poden eludir a cadea pero a xente non esquece e malla nos que caen, cébase nos seus herdeiros: os de Arousa seica querían bater no fillo da defunta á porta da igrexa…
Chovía sobre a autoestrada pingas frías que anunciaban neve nas altura inmediatas; e dei en cavilar:
Toda a carraxe do pobo, concentrada nos que andaron no tráfico nefando, ten algo de inxusto; porque non habería ese tráfico se non houbese clientes.
A dama branca e o chocolate, e o cabalo enlouquecedor, non terían razón de ser se todo o mundo comprendese a irrazón de existirmos e non se deixase arrastrar por eses gozos, e polo do éxtase, e pola máis vella das compañías perigosas: a que cheira a alcol.
Esther só se aproveitou da fraqueza dos que agora non a deixan ir para a cova dignamente.
No Xuízo Final espero atopala, e explicarlle estas ideas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/03/2001]

Share

Deixar unha resposta