Fielatos (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/03/2001)

Atopei na Coruña, de compras, un compañeiro do bacharelato en Ferrol ao que Galicia e España lle fican pequenas, e —por asociación de ideas, con lembranza de vivencias— fixen a broma de dicirlle que había que pór un fielato para os ferroláns.
El riu, porque, coma min, recorda aquelas casetiñas distribuídas polos entradas ás cidades, ás beiras dos camiños que usaban os aldeáns da contorna para introduciren mercadorías a vender, alimentos que precisaban os que non tiñan horta nin leira.
Despois, cando nos despedimos, dei en lembrar aquela España da nosa nenez, que non só tiña fronteiras con Francia e Portugal, inzadas da alfándegas, senón que tamén tiña fronteiras interiores con fielatos.
¡Que cousa tan primitiva, señores! Aínda que lle pareza incrible ao lector da xeración seguinte á nosa, nós viviamos nun mundiño en que os vendedores dos mercados pagaban portaxe.
E tentaban agachar parte da mercadoría: se traían un animal vivo, ocultábano con verduras, amarrándolle os membros e o bico (ou o fociño).
Contra o que os vixiantes utilizaban a mesma arma que nós, os rapaces travesos, usabamos para cazarmos gatos con arco: a variña de paraugas afiada por un extremo.
Metíana entre as mancheas de grelos que traía a paisana na cesta á cabeza e, se se movían, era porque debaixo viña algún “pasaxeiro” silenciado…
A verdade é que fica moito por contar da España das mil barreiras e fronteira en que nos criamos.
E cumpría escribir dela, para exemplo dos que non a coñeceron e, por iso, non saber apreciar o que gozan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/03/2001]

Share

Deixar unha resposta