Puntualidade (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/03/2001)

Veño de asistir a un cursiño sobre o traballo en equipo, impartido por un dos moitos arxentinos de apelido galego que, desde os tempos das dictaduras -a deles e a nosa-, se trasladaron en España cos seus coñecementos.
É o que os meus fillos cualifican (cariñosa e rabudamente, como cómpre á súa condición mestiza) “un sudaca psicoloide”: un psicólogo industrial, capaz de manter a atención dos alumnos ilustrando as súas teorías con casos prácticos participativos e anécdotas. Escoitándoo ao longo de moitas horas lembrei a expresión de Antonio Tabarés, ourensán viaxado: “Os arxentinos comparten o verbo divino”…
De todo o que nos contou o profesor, membro de afamado instituto e consultor de mil empresas, houbo algo que me ficou na memoria doadamente.
É o comportamento do director alemán dunha grande empresa instalada en España:
Este señor cita os seus colaboradores a xuntanzas para hora incómoda na Europa de sur: as tres da tarde. Chega con dez minutos de adianto e ponse a ler. Van entrando os citados e el segue lendo. Ata que olla a hora xusta no reloxo e inicia a sesión.
Se alguén aparece con cinco minutos de atraso, o xefe multiplica cinco polo número de asistentes ao concilio empresarial, amoesta o atrasado -acúsao de ter feito perder ao conxunto a cantidade de minutos que resulte da multiplicación- e remata cunha ameaza: “Un día vou mandar que lle rebaixen a nómina nese tempo”…
A anécdota leva a unha reflexión: se iso se fixese con políticos famosamente tardóns, habían eles vivir da caridade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*