Filtros (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/03/2001)

Saiba o lector paciente que os amigos son os amigos, e que entre os meus están dous eumeses, Manuel Molares e Xoán Ramón Allegue, habitantes de Madrid.
Tan amigos son que non quixeron faltar á compaña de quen ía botar discurso no insólito lugar da Mancha do que falabamos estes días.
Gracias, compañeiros, e imos ao que importa: eles e eu sabemos o que foron o ingreso no bacharelato e as reválidas. O Allegue definiu algo á perfección, a “xeración do bacharelato superior” dos nosos tempos: os primeiros galegos que se vían na necesidade de entraren no corredor sen retorno dos estudios da economía e da tecnoloxía demandadas polo “desarrollismo” do réxime que non daba caído.
Aquela foi a primeira xeración de emigrantes ilustrados, similar á que hoxe (a dos nosos fillos) volve emigrar porque Galicia non dá acadado o que tenta demostrar a xente da miña vila primixenia: a ubicuidade do “sector cuaternario”…
Chego ao Impaís e atopo copia de artigo en El Correo Gallego que aínda non lera. É de Agustín Sixto Seco, e trata o asunto das reválidas a partir dunha destas columniñas fugaces. Dáme a razón, porque ambos os dous somos avós. Como ma dan outros moitos amigos: cómpre filtrar democraticamente, con exames de estado, sen trampas nin notas de agasallo (nos colexios de pago) para compensar coas da selectividade.
Vou montar a miña Aixa e falo cunha amiga profesora de Matemáticas e amazona: anda a ensinar o cadrado do binomio a rapaces de ¡dezaseis anos!
Saio para o monte a galope e non sei se rir ou chorar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/03/2001]

Share

Deixar unha resposta