Tejerada (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/02/2001)

Mariángeles Trujillo, tenente do alcalde de Miguelturra, foi a miña guía polas paisaxes que non me ficaran na memoria infantil. Vimos a Mancha desde as alturas da “torre gorda” e neoclásica, e fomos mirar Almagro en detalle. Ao paso, oliveiras, videiras, ovellas e sombras verdes do que ha ser trigo.
Almagro ten algo de Compostela: conservación de rúas e edificios, nobreza das construccións, grandeza da praza maior -porticada: pedra, madeira, vidro e tella, monumental portada do curral das comedias.
Houbo gastronomía feliz, con tinto de respecto, das uvas que antes emigraban para a Rioja; e comezou a chover, en terra sedenta, que tira auga dos acuíferos profundos para encher os humidais.
Á volta, Miguelturra estalaba no carnaval que lle deu sona; que se mantivo malia a represión dos tempos en que o Cerillita paseaba baixo palio.
Mariángeles vestiuse de dama dezaoitesca e fomos botar discurso, a pé da casa onde naceu o pregoeiro das festas. Á fronte das tropas pacíficas, o Serafín vestido de xeneral. E o pobo enteiro a sumarse.
Cando o pregoeiro anunciou que remataba, soaron os disparos, xurdiu da masa oínte un grupo de gardas civís repetindo o “todo el mundo al suelo”. E iniciouse a grande -perdón- escarallación.
Os golpistas seguiron a asaltar locais ata a madrugada, e a Garda Civil verdadeira ría baixo a chuvia, cómplice do golpe carnavalesco.
O visitante de Miguelturra -lugar da Mancha que ben lembraría Cervantes- sentía que unha España así, desenfreadamente democrática, nunca se vira na Historia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/02/2001]

Share

Deixar unha resposta