Miguelturra (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/02/2001)

As xentes que viñan do sur e escribían en árabe —lingua superior do novo sistema cultural— cualificaron esta meseta de Manxa: terra seca.
Estou en Miguelturra, onde nacín; de onde saín hai máis de cincuenta anos. Aquí goberna un alcalde socialista, Román Rivero, que supera en veteranía a Francisco Vázquez por unha lexislatura; e, logo de vintecatro anos, o que fora unha vila revella, podre de historia, sen máis industria que labrar campos e emigrar, vai ser algo totalmente diferente.
Miguelturra lémbrame outros mundos. O antigo da vila ten aires de colonia americana e tanto barro evoca por necesidade as poboacións pampeanas, con casas dun só andar, terraza, altas fiestras enreixadas e portalóns.
Pero a parte nova non ten orixinalidades. É toda orde, programación, vocación de servicio. Aquí moran, en apegados con parques, os novos miguelturreños: os que traballan en Madrid, e os que se trasladaron da capital da provincia.
Porque a vila, coñecida pola eclesiástica “torre gorda” que domina a chaira, hoxe está a tres cuartos de hora da estación de Atocha en Madrid, sen importar que estea a douscentos quilómetros do posto de traballo.
Iso aumentou o seu censo, nun cincuenta por cen desde que Deus marcou o concello coa estación do Ave. Xa teñen radio e televisión por cabo, e van estender unha rede de fibra óptica a todos os locais.
Cuaternarízase o lugar de nome único no mundo onde comecei a respirar: o próximo, un parque tecnolóxico municipal.
Miguelturra fala así de celeridade e ubicuidade na nova economía.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/02/2001]

Share

Deixar unha resposta