Dry sex (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/02/2001)

Vou no Ave, a ler o TIME, que xa me acompañou na estación de Atocha un bo anaco. Porque Madrid é imposible e non dei chegado ao tren para o que tiña reserva (de Barajas a Atocha, hora e cuarto en taxi).
A Estación do Ave fica chea de xentes estrañas no que fora “rompeolas de las Españas”, onde españois de todas as castes se xuntaran. Agora é lonxa da contratación subrepticia para fuxidos da Europa do Leste, cos dentes de ouro e os ollos claros, e amerindios de cabelo corvino; e mouros que sorrín porque non saben falar ladino; e negros de todas as negritudes…
Voa o Ave e leo unha reportaxe arrepiante sobre a sida, a epidemia que está a matar en masa a África ao sur do Sahara. Os infectados son millóns (só na Sudáfrica máis de catro, e un cuarto de millón de falecidos ao ano, dos que cen mil son cativos) e continúa o espallamento do mal sen posibilidade de paralo.
Porque o ocultan. Din que morren da enfermidade que os mata, pero non a relacionan co andazo, causante de que o corpo non puidese loitar contra aquela. Nos certificados de defunción non se escribe a causa verdadeira.
Por iso e porque o sexo non ten protección. Ha ser feito ás bravas. A un “home de veras” cómprelle rexeitar o preservativo, e tratar de rameira a muller se llo esixe.
A heterosexualidade mata alá onde o dry sex -sexo seco- é gusto varonil desde sempre: unha boa amante debe usar herbas secretas para secar a vaíña que envolve o mastro da vida.
Aínda que lle doia e sangre.
Aínda que a mate e dea como froito un fillo enfermo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*