Hostaleiros (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/02/2001)

Hai días fun belamente agasallado polos representantes dos hostaleiros coruñeses cun xantar que incluíu orixinalidades do tamaño de croquetas de grelos e filloas recheas da mesma verdura tan presente na sacra cociña galaico-portuguesa.
Alén de tales delicadezas e de asuntos de traballo en común, tratouse dunha queixa xeral do gremio: quérenlles impor unha taxa por cada receptor de radio ou televisión que teñan nas súas instalacións. Con tal taxa viríanse pagar dereitos de autor de forma global. Seica a Sociedade Xeral de Autores de España (da cal eu son membro) pretende recadar así uns seis mil millóns de pesetas ao ano.
Pero a cousa non é tan doada, porque vai contra os mesmos principios da radiodifusión: o sinal de radiofrecuencia cobre unha determinada área con potencia dabondo como para que infinitos receptores o capten. É un sinal absolutamente democrático, que permite a ubicuidade da captación dentro da zona de cobertura.
Daquela, fiscalizar quen ten un receptor e onde o pon (ou, no caso da televisión, se dunha antena recibe un ou un cento de receptores) parece —como digo— contrario á lóxica do sistema.
Alguén pode argumentar que cada receptor á súa vez é un difusor, para tanta xente como alcance a oír ou ver. Pero tal hipótese vale o mesmo para o dominio público —da hostalería— que para o privado —da casa.
Ao meu ver, se alguén ten que pagar dereitos de autor, ese é o responsable da difusión primaria da obra; quen xa está a pagar, como demostran os listados que regularmente me manda a SGAE.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*