Cuelgamuros (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/02/2001)

Por amabilidade dun compañeiro de traballo recibo uns libriños que chaman a atención. Un deles titúlase El hombre y la mujer que quieren amarse, e o outro Una breve reseña de los Estudios Interplanetarios. O seu autor vén sendo Jesús Otero, “del Colegio Nacional de Autores-Gestores, Teniente retirado del Ejército”.
Don Jesús aparece na portada ben repeiteado, engominado, con lentes escuros, un coidadísimo bigotiño, traxe cruzado negro con liñas brancas e gravata que a fotografía permite pensar ben combinada.
A pé da capa, segundo outros libros indican lugares de publicación tales como Madrid, México e Buenos Aires (ou Londres, Nova York e Sidney), nos do extenente Conde márcanse Pontevedra, Silleda e Moalde.
As obras están cheas de substancia, escritas en dialecto galaico do castelán, con dereito a toques tan enxebres coma o dativo de compañía. A dos amores suponse historia romántica e a dos estudios interplanetarios ocúpase de asuntos tan graves coma o dos “Cefalópodos en Venus”…
A verdade é que pouco se sabe deste “autor-editor de obra propia”, como rezaban os seus cartóns. Pero quizais todo se deba a que, ao publicar un “libreto en verso”, lle enviou exemplar dedicado ao Xeneralísimo, acompañado das seguintes rimas:
Allí, en Cuelgamuros,
quisiera ver colgado
con cintas rojo y güalda
al Jefe del Estado.
Seica o poema non caeu ben na “Casa Civil de Su Excelencia” e nunca máis se viu o Conde polos seus pagos. Dúas hipóteses acompañan este desaparecemento: cadea e psiquiátrico, ambas coa mesma fin.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/02/2001]

Share

Deixar unha resposta