Bocas (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/02/2001)

Interesante día entre os que para sempre desapareceron do calendario. Primeiro, longas conversas en Ferrol co rector da universidade nacional de Corrientes, que van do tecnolóxico ao pedagóxico e acaban na emigración de sempre, con galegos e italianos envorcados en masa sobre as terras feraces da República Arxentina que tanto amamos.
Despois, á fin do traballo, presentación de libro na Coruña. Damián Villalaín introduce, Marisa Pollán explica, Ramón Loureiro critica e, finalmente, Víctor Omgbá vennos pincelar de leve o que se imaxina nas páxinas de Calella sen saída: a peripecia do arribo, desde a África sen futuro a unha España que parece chea de cores e marabillas —un país onde a cousa non é tan doada; onde a xente di “eu non son racista, pero…” (pero os crioulos pedían permiso de matrimonio a el—Rei para non “adquiriren raza” nas colonias).
O Villalaín promete e certifica o Loureiro: a novela do Omgbá é Literatura. E o Víctor dá unha unha razón contundente para tela escrito: Mobutu dicía que “bocas que comen non falan”…
No acto de hoxe non houbo demagoxia oenegueira, nin —esperemos— esquecemento da historia dun pobo emigrante que se foi con fame e papeis; e que, mesmo téndoos, pasaba corentenas e escrutinios de “hoteis de emigrantes”.
Benvido sexa un africano á patria literaria dos galegos (dito sexa con solidariedade de inmigrante). Pero non esquezan os galegos que aínda só está relatado un infinitésimo da epopea dos seus maiores, os que consolidaron masiva e legalmente países de inmigración.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*