Albardeiros (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/02/2001)

Un domingo de sol con sutil lembranza de xeada trae a impresión de que todo volve ao normal en febreiro, mes de laconadas e servicios á señora lamprea, con sangue e arroz.
E nada como abrir apetito respirando aromas de fraga cabaleiramente.
Iso foi o que fixemos un grupo de excursionistas baixo o mando do amigo Waldo dos Laranxos: en Canzobre entrámoslle á fabada, de aperitivo.
E conversamos dabondo, sobre as xentes que andaban a transmitir cultura entre as casas, os sabedores de noticias e relatos nun mundo que sucumbiu á organización industrial: zoqueiros, afiadores, ferreiros, ferradores, albardeiros, costureiras, albeites…
Por andarmos a cabalo, falouse máis de xeitos de ferrar, que cada mestre ten o seu libro e a súa ferramenta (uns con puxavante e outros sen el); e pasamos relación dos que din maiores contadores de historias, os albardeiros.
Andaban estes a cabalo, coas alforxas cheas de coiro, badana, palla para recheos, agullas, fío, tesoira, coitela e subela. Chegaban de hóspedes e participaban logo de fiadeiros e esfolladas. Contaban e oían. E tanto máis valían pola arte de faceren arreos para as cabalerías como pola de dictaren lección de fábulas…
Era mañá de sol e flores adiantadas. Aínda non se escoitaba o cantar do cuco e todo inducía a soños dun pasado épico no silencio rural.
O recordo fóiseme cara a unha persoa que vive do negocio literario, Pilar Sampil, que administra a editorial Galaxia e sabe do dito por ser neta de albardeiro:
A Literatura ten xentes diversas ao seu servicio.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*