A orde dos apelidos

La Voz de Galicia é un inmenso repositorio de datos culturais. Un repaso ás mortuorias que publica dá para coñecermos que un galego típico chega á fin da vida con nome, dous apelidos, alcume e casa matriz: por exemplo, «Luís López Dapía, Lucho, Ferrador do Castro, Casa de Xan Pequeno, Lamas». O señor Luís procedía dos López (patronímico, Fillo de Lopo) e dos Da Pía (toponímico), era coñecido como Lucho, exercera de ferrador no Castro e moraba na casa do patrucio antepasado Xan Pequeno.

Os apelidos proveñen da filiación (mormente os acabados en ez), das condicións persoais (Calvo, Manso, Louro…), dos oficios (Ferreiro, Mariño, Labrador…), da toponimia (Nogueira, Lamela, Couto…), dos «animais da familia» (Golpe, Lobo, Cabalo…), mesmo de alcumes.

En España o regulamento impuxo na secuencia dos apelidos un patriarcalismo feminista: o paterno perdura como primeiro, mais as mulleres casadas manteñen os seus. Para os españois que andan polo mundo é un incomodo usaren dous apelidos. Afeitos a seren chamados polo primeiro, as confusións fóra de España son frecuentes: raramente se atende ao segundo, o last name.

Inverter a orde dos apelidos resolvería o problema de casarmos o sistema de identificación español cos dos países que mandan no mundo (o famoso Kennedy chamábase John Fitzgerald Kennedy, sendo o apelido da mai o intermedio). Mais iso non alivia de patriarcalismo o regulamento, e hai quen -de maneira chusca- suxire deixar como principal o apelido materno, único sempre certo.

Como din os militares, «orde e contraorde, desorde». O novo regulamento a cerca dos apelidos en España dá cabo dunha vantaxe: ata agora -salvo no caso dos fillos de dous irmáns casados con dúas irmás- logo se apreciaba quen é irmán, curmán ou primo de quen. ¿Que vai pasar en diante? Ábrese unha grande incógnita.

Mesmo así, debemos conceder un aplauso á liberdade de escolla de apelidos, sobre todo porque pode aliviar dos que estigmatizan: resulta malsoante que unha dama leve o microtoponímico Porca; por non falarmos de sobrenomes coma Gago, Expósito ou -o máis duro de todos- No.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 05/07/2017.]

Share

Deixar unha resposta