Irmandade (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/02/2001)

O pasado día 17, sábado, tiña obrigas de irmandiño ás que faltei co moito pesar de quen xurara cumprir a capa e espada.
Había xuntanza da Irmandade dos Vinhos Galegos baixo presidencia do Roi Xordo (coñecido no reino da poética troba como Manuel María) alá por terras de Moraña, con intencións de cata maior sen que fose faltar mantenza sólida.
Por telemática vía recibín convite para facer de chofer por parte dun dos poucos médicos con dereito a título de doutor que coñezo: Fausto Galdo, mestre de augas e reumas, quen se me declara lector asiduo de artiguiños cotiáns, cos que di non estar de acordo “con frecuencia”.
Foi pena non podermos ter conversa longa e relaxada, a golpe de cilindro alimentado en common rail, continuada cos irmáns de orde defensora dos caldos en que se destilan as culturas…
Pero tiven outras compensacións, coma a de aturar a Irene, que xa sabe dar bicos enrugando os beiciños a xeito de peteiro de rula.
E non me privei de viño, nin de ilusión de irmandade: nun grande centro comercial (deixo traballar a imaxinación do lector) había selección de botellas dos países da Unión Europea que se distinguen pola elaboración de marcas garantidas de orixe.
Fixen unha escolla de portugueses: alentexanos, da Bairrada, do Douro e das Terras do Sado, todos tintos.
Como tintos foron tamén un Piemonte italiano e un Pays d’Oc francés que caeu libado xunto dun cocido en honor do Entroido, Introito da Primavera que agroma por toda parte.
En fin: non cheguei á misa de Moraña pero botei rosario na casa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/02/2001]

Share

Deixar unha resposta