Curmáns (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/02/2001)

De novo a CNN tenta mostrar en directo o espectáculo da guerra, pero pouco pode ofrecer porque xa é noite sobre os ceos do Iraq.
Daquela recorre a un locutor que aparece sobre o escudo poderoso do Pentágono e repite os datos escasos da operación con comentarios polo miúdo para alongar a súa presencia diante das cámaras.
En resumo: avións americanos e británicos veñen de castigar as instalacións centrais do sistema antiaéreo iraquí, para evitaren que as forzas do Sadám (que soa a Satán) poidan detectar os movementos de patrulla que fan os castigadores alén do paralelo asignado.
Porque ianquis e ingleses andan de mans dadas niso da xendarmería voadora, internacional e relacionada coas grandes reservas de petróleo. Fano xuntos e chámanse entre eles cousins: diante do mundo preséntanse como parentes próximos e ao mesmo nivel -nada de relacións materno-filiais coma as dos españois cos iberoamericanos.
Aínda que, na realidade, a vella nación-estado que forxaron os ingleses colonizadores (asoballando primeiramente Gales, Irlanda e Escocia) ten desde hai varias guerras un comportamento filial, pola dependencia, co Young Big Cousin
Mentres ao Sadám lle pasaban aviso da destrución da súa cacharrería electrónica, o Bush II, en México, pasearía a cabalo polo rancho do Fox, ambos con botas de “chúpame a biqueira” que non sacan nin con traxe.
A verdade é que esta Boliña Azul sempre tivo amos, pero a cousa vai a peor. Porque non é o mesmo depender da vontade dun lord que da dun curmán do lord rancheiro texano.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/02/2001]

Share

Deixar unha resposta