Publicidade (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/02/2001)

<

p align=”justify”>Coca-Cola, Pepsi-Cola e todas as demais colas son xaropes gaseados, azucrados e horrendos sen os cales transcorreu a miña infancia feliz.
Pero o ianqui é o amo do mundo e velaí que a nenez dos meus fillos xa non puido pasar sen eses refrescos: os da súa xeración son capaces de bebelos comendo percebes, contra as regras dos vellos reinos cristiáns que marcan o viño branco (ou cervexa in extremis) como compañía de manxar mariño…
O caso é que, con todo, e malia a colonización, mantéñense diferencias entre a Europa das culturas sólidas e a América das culturas volátiles:
Este día seica unha desas grandes, a Coca ou a Pepsi, conseguiu que os tribunais da publicidade aquén do Atlántico lle desen a razón en preito contra a outra por un anuncio de televisión, no que dous repartidores das colas contrincantes bebían, moi amigos, cadaquén a da marca contraria.
O anuncio remataba mostrando como un pedía que o outro lle cambiase o recipiente baleiro, ao que o segundo se negaba.
Ese anuncio, sen embargo, é legal nos Estados Unidos. Porque alí vale todo con tal de vender. E como proba do dito, velaí un anuncio televisivo xa vello, dos tempos en que todo americano quería ter un coche europeo:
Aparecía un vehículo cheo de sensores -de sonoridade, gasto, amortecemento, esvaramento etc.- que viñan demostrar como as características do producto americano superaban as do competidor europeo do seu segmento.
O anuncio concluía cunha frase curta: Now try a Mercedes
Adiviñe o lector quen pagaba esa publicidade demoledora.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/02/2001]

Share

Deixar unha resposta