Todos calvos (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/02/2001)

Diversos medios de comunicación recollían estes días que Pescanova arranxara co goberno cubano (en Cuba todo é goberno) un acordo polo cal o mamut alimentario galego vai contar coa produción de lagostinos da illa ata o 2031.
Sen dúbida, o asunto ten miolo, e cumpriría gastar algo de tinta en se referir a el.
En primeiro lugar, porque demostra vontade de converter o rudimentario sistema de cazar animais mariños —que en si é a pesca— nalgo máis en liña coas habelencias do homo sapiens, como é a cría ordenada das distintas especies válidas para a súa alimentación.
En segundo, porque vai significar un aumento de ingresos para Cuba, onde o réxime algo reparte —ao seu xeito peculiar pois é unha república popular onde (como na granxa que nos pintou Orwell) uns son máis iguais ca outros: uns conseguen dólares e outros dependen do caderniño de racionamento.
En terceiro, porque Galicia, unha vez máis na historia recente, é capaz de ir atopar o producto mariño polo que devece alá a onde o haxa; e Cuba sempre foi lugar de pesca para os galegos (velaí o arrabalde de Peixiño na baía habaneira) —aínda que chame a atención que non se fagan maiores esforzos pola acuicultura nas propias costas do Impaís…
O que sorprende é a seguranza con que Pescanova fai un acordo a trinta anos co sistema castrista. Porque de agora ata entón boa parte dos responsables do acordo han estar calvos.
E don Fidel, indubidablemente. A non ser que o realismo máxico dos tristes subtrópicos sexa capaz de alterar as leis da bioloxía.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*