A relixión verdadeira (A voo de tecla, 08/10/2007)

Galaxia publicou un libro que merece lectura demorada: Liberdade relixiosa e asentamento dos protestantes en Galicia, do que son responsables María e Benito González Raposo, respectivamente doutores en Filosofía e Dereito, especialistas en estatísticas e disidencia relixiosa desde o punto de vista do uniformismo español.
O texto, cheo de miudezas riquísimas, introdúcenos nun dos aspectos máis sinistros da historia de España: o da intolerancia relixiosa. E faino cando o mundo pon en cuestión a barbarie que se agocha tras das teocracias islámicas.
Desde o fracaso da Reforma, coa Inquisición e a unidade dos reinos peninsulares baixo a norma de obediencia cega a Roma, os González Raposo lévannos ata as sucesivas constitucións do tumulto español que estoura definitivamente na II República. E o espírito do lector necesariamente encolle ao ler infinitos argumentos que xiran sobre catro puntos:
A única Relixión Verdadeira é a Católica, Apostólica e Romana. Todos os españois son católicos. Ao Estado, logo, cómprelle manter a Igrexa Católica. Non son necesarias leis de liberdade relixiosa porque xa abonda coa tolerancia de cultos dos –pouquísimos– estranxeiros…
Así ata a constitución republicana que todo mudaría ao declarar o Estado alleo a calquera relixión. Falta agora un estudo da reacción contra as liberdades republicanas, das crueldades do nacional-catolicismo franquista contra os “herexes”; e do trato ruín que estes recibiron xa en democracia. O labor de esclarecer non rematou.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 08/10/2007]

Share