“Imeil” (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/02/2001)

Hai algún tempo, nun substancioso xantar á vasca con xente dos centros tecnolóxicos do norte de España, xurdiu o tema do correo electrónico e deu para comentarios.
Un deles, a parvada de lle chamar —colonizadamente— “imeil” á mensaxe, cando “e-mail” é a abreviatura de “electronic mail”; ou sexa: correo electrónico.
Outro foi o retorno á comunicación epistolar.
Antes o persoal tentaba arranxar todo por teléfono; cando non o facía por fax, que non deixa de ser unha pesadez: a de escribir, imprimir e pasar pola máquina —para que ao outro lado chegue unha información en modo gráfico, que non se pode utilizar máis que fotocopiada.
Pero apareceu o correo electrónico e afixémonos a mandar cartas sen papel nin sobre, ás que se poden engadir figuras e mesmo imaxes en movemento, por non falarmos de documentos sonoros.
Certamente, volvemos escribir; aínda que coa peculiariade de facérmolo co mesmo descoido simplificador da notiña informal que deixamos ao colega ou ao parente. Sen máis.
Poderíase dicir que se creou un novo estilo para a mensaxe de correo electrónico, desenfadado, porque se espera inmediatitude na recepción e, se cadra, na resposta. Poucas veces se escribe formalmente —pois aínda fica a idea de que as formalidades se deben entregar en papel, carteiro polo medio.
O novo sistema de fabulación fíxonos volver á escrita. Mais, se cadra, non vai durar moito este florecemento epistolar. Porque aí á volta de nada a interrede servirá para falar, e moi barato.
E a fala é o mellor medio de comunicación.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*