Reválidas (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/02/2001)

Escribo como pai de familia e como profesor dun centro universitario sobre o asunto que estes días anda mover tintas: a formación dos rapaces.
A miña alarma comezou cos fillos maiores, cando vin que –facendo bacharelato de “Ciencias Puras”– tiñan lagoas pavorosas en materia de Física, Química e Matemáticas; e chegou ao abraio vendo o que lle mandaban estudiar a unha filla na ESO de “Letras Puras”.
Iso na miña casa, con rapaces criados entre libros, ordenadores e viaxes para veren mundo. Pero tamén puiden observar os efectos en familias adictas ao fútbol para as que unha enciclopedia é algo que adorna nos andeis…
Un desastre, que converte facultades e escolas en “estacionamentos de mozos”, que, mentres estean nelas, deixan de amolar na casa con impertinencias de eternos adolescentes.
Porque o ensino da xeración que segue á miña seica se baseou na integración de listos con burros, para ver se os mellores tomaban conta dos peores, sen que ninguén se preocupase polo que os peor dotados restan de rendemento aos bos.
Parece como se os programadores da formación primaria e secundaria esquecesen que no ensino se impón a universalidade –pero racionalizada de xeito que o gasto soportado por todos dea resultados óptimos.
Coido que cómpre volver aos meus tempos: ás reválidas inflexibles, que imposibiliten distingos entre estudiantes da privada e da pública: filtros sucesivos que coloquen cada intelixencia no seu sitio, desde as primeiras letras ata a universidade.
Iso –perdón, señores didactas– sería o democrático.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/02/2001]

Share

Deixar unha resposta