Herba (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/02/2001)

Espléndido día, anuncio do Entroido que vai vindo, avisando da Primavera. Din que febreiriño quente trae a fame no ventre, e o Xosé que coida as bestas teme que as cousas poidan virar mal: non houbo xeada en todo o inverno e, se vén cando todo sexa gromo e flor…
O peor é o que lle poida pasar á pataca en todo o Impaís entroideiro; porque sen pataca -razoa o Xoseíño en canto cepilla a Aixa– a xente non ten mantenza de veras.
Recórdolle que antes da pataca a xente comía castaña, pero el encolle de ombros e segue preocupado, máis polo futuro inmediato que polo pasado histórico.
Cepillada a egua, saímos, a un paseo que nos leva ata os baños de Arteixo. Polo camiño atopamos o señor Manuel, que fora panadeiro e é moi entendido en cabalos e cans. Sen que lle falte sabenza en materia de vacún.
Éntrase en cuestión de pensar os animais, e falando de pensos que os poidan virar tolos logo fai el unha observación: un amigo con moitos cartos metérase a gandeiro modélico, importou vacas de medio mundo e, tras experimentos e cábalas, acabou criando animais do país para leite e carne.
¿A razón? Dan menos leite que as estranxeiras, pero comen a metade, nunca están enfermas e os cuxos que pairen valen moito máis cós pintos para os carniceiros.
Isto tráeme á memoria unha estancia con “tambo de lecheras” na pampa feraz: centos de vacas que só comen pasto, non saben de penso e dan leite “de balde”.
Pedindo perdón aos técnicos polo atrevemento, neste intre de crise e no país da herba, ¿non sería cuestión de recompor o modelo?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*