Doutores (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/02/2001)

Os españois temos costumes, feitos lei, que dan proba de orde e democracia —ou daban, porque seica hai reformas.
En concreto, a utilización sistemática dos apelidos —que axuda a saber de quen vén sendo cadaquén— e os tratamentos, nos que por sistema se aplica o “señor” cun apelido e o “don” co nome de pía, ou con este e os apelidos no caso de maior formalidade.
Cústanos moito engadir esaxeracións de “ilustrísimo” e “excelentísimo” e evitamos os títulos referentes á formación.
Contrariamente a nós, os veciños portugueses enchen todos os nomes cos tratamentos de “Exmº” e, sen moito traballo, chaman “Excelência” a calquera. Para máis, ningún “bacharel” se escapa de ser “doutor”, “engenheiro”, “arquitecto” ou “professor”.
Tres cuartos do mesmo fan os brasileiros, e non falemos dos seus veciños arxentinos, que xa cargan coa teima dos títulos, facendo sentir mal aos españois con aquela historia de se lles dirixiren na conversa por algo secundario como é a profesión, sen estar claro o que determine a escolla de trato no caso —por exemplo— dun enxeñeiro que sexa doutor e exerza como profesor…
Din os dicionarios que “doutor” é sinónimo de “mestre”, indicativo da capacidade para ensinar, e o curioso do negocio na democrática España é que os únicos profesionais aos que o público agasalla con tal tratamento son os médicos —sendo escasos os do ramo con tese e diploma, fóra dos que ensinan na universidade.
O pobo entrégalles o honoris causa cunha facilidade chocante. E aos médicos —bruxos cultos— parece gustarlles.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/02/2001]

Share

Deixar unha resposta