Antropófagas (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/02/2001)

Na mañá fría e grisalla do pasado 8 de febreiro a Radio Galega espallaba unha conversa entre Xusto López Carril e unha voz paisana, con cavernosa pronuncia galega na que so algún cultismo —de lingua latina en xeral e de galaico-portugués en particular— facía albiscar falante con lecturas.
Era unha entrevista, que concluíu coa pregunta do locutor sobre quen tiña o entrevistado como paradigma a imitar, se a un personaxe menor e local, ao Casares Quiroga ou a Salvador de Madariaga.
A resposta deixou ver paixón polo vello Madariaga, “capaz de falar, ler e escribir en inglés e alemán” —grande proeza, polo visto, para un cascarilleiro españoleiro…
Alén de chiscos de ollo partidistas (dun partido particular, a cabalo entre dous e apoiado por conservadores sen partido), ao longo do diálogo co Xusto o home dixo algunhas cousas co sentidiño de quen xa está en sazón de ser avó.
Unha delas en referencia ás vacas tolas. Comentou o que todos pensamos: que aos herbívoros non se lles debe dar proteína animal porque é algo contra natura.
E nese punto da parola matinal foi onde meteu a zoca: referíndose ás vacas comedoras de pensos de orixe animal, aseverou que “as obrigaron a ser antropófagas”.
Riu a xente da asneira e algún coñecedor do grego atreveuse a proporlle outros cultismos formados con phagein —comer— que nada teñan que ver con ánthropos —home—.
Pero houbo quen non lle tirou de todo a razón ao fan de don Salvador, porque a tolería das vacas está a devorar oitenta mil familias que viven do gando en Galicia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*