Intraconto (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/02/2001)

Logo de ser pública a trapallada que un negro literario lle fixo á súa patroa, diríase que aquí xa non pasa nada. Pero pasa, como lles vou contar:
Coñezo unha moza de pel pálida e máis rubia ca loura que se dá a si mesma o cualificativo de “mulata”, o que se identificaría con morena de cabelo escuro.
Pero a súa cualificación explícase nos servicios que lle fai a unha persoa do gremio da pluma que -segundo demostra con orgullo a empregada- vende por todo o mundo centos de miles de exemplares dos seus libros de relatos.
A moza ten formación de letras, e vén traballando na selección e na edición de textos desde hai moito. Nos seus ollos claros e soñadores, cun punto de brillo triste aos cantos, aniña unha profunda saudade do que non deu escrito, tendo moito por escribir.
E consólase coa súa relación simbiótica. Traballa para unha mente cargada de experiencias e de lecturas, fértil para a produción de historias con personaxes sorprendentes.
Desa mente vai saíndo un discurso perfecto no conxunto, e cheo de fallos nas partes. Ela -a miña coñecida- entra na pedra da primeira versión coma o canteiro con buril e martelo, e vaille dando forma en letra sobre papel.
Entón le o escrito a quen lle paga; quen, ao oír o seu discurso perfeccionado, vai introducindo engádegas e arranxos:
Un luxo de escritor millonario…
Outros témonos que contentar con darmos os orixinais a amigos pacientes, lectores bos que corrixen e suxiren; e por todo pago reciben amizade e, por veces, un grolo de viño.
Son os nosos “mulatos claros”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*