Latrinas (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/02/2001)

Madrid, cun intento de orballo que eles chaman chuvia. Xornada gris, de conversas tecnolóxicas. De noite, Casa de Galicia: novas tecnoloxías e emprego. Discursos comprometidos. Dona Manuela en ton matriarcal e firme, o ministro Aparicio como se fose un crego culto e obreiro…
Ao longo do Paseo de la Castellana, entre o estadio do Real Madrid e a Plaza de Castilla, trescentas tendas de campaña, con lumes, e homes con anoraks de uniforme. Hai letreiros. En resumo, esixen responsabilidades aos xestores dunha empresa. Reclaman o pago dos salarios de seis meses, que se lles adebedan.
E piden latrinas. Porque son mil cincocentas persoas a liberaren a fisioloxía nos esgotos da arteria principal da urbe.
A protesta é moi orixinal; causa a impresión desexada: non hai quen eluda tanta pancarta, tanta reclamación fundada e apoiada polos sindicatos.
E, para quen algo saiba da empresa, SINTEL, logo comezan as preguntas sen respostas: ¿Por que lla vendeu Cándido Velázquez a Jorge Mas Canosa? ¿Por que lle puxo un prezo tan baixo? ¿Por que o cubano anticastrista non pagou o pactado? ¿Por que non lle deu Telefónica a SINTEL a carga de traballo acordada na venda? ¿Quen foron os consecutivos xerentes da empresa e como a deixaron sen patrimonio, sumida na quebra? ¿Quen fixo o verdadeiro peto?
Xa dicía un cura sabio que cando, no día do Xuízo Final, cada fillo vaia onda seu pai e cada peso entre na bolsa a que pertencía, vai haber moitos sustos.
O malo é que os acampados na Castellana non van poder esperar tanto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*