Escravidão (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/02/2001)

César Bolaño é profesor na universidade de Sergipe, alá no desmesurado subcontinente que deu en se chamar Brasil por unha planta.
César volveu ás raíces paternas, ao mundiño en que pasou momentos da infancia mellor. E fomos falando, de vagar, pola cidade vella, nocturna e romántica da Coruña.
Por fin sentamos e pediu o que cumpría a quen conserva en memoria os elementos básicos dunha cultura.
Comemos e bebemos, e entramos na nosa admiración polo seu país de marabillas, que lembra a India nas diferencias sociais e na capacidade tecnolóxica.
César ensinoume algo, deume as claves para entender eses estados unidos sudamericanos aos que —en boca do seu presidente— dá cohesión a lingua portuguesa:
A unidade lingüística e política do Brasil débese á escravidão: a escravitude.
Os colonos impedían que os escravos africanos se asociasen por nacións e falas, e dispersábanos, co que os obrigaban a adquiriren a lingua do patrón, que non era o tupí-guaraní maioritario dos indios e os mestizos.
Os escravos negros levantaron un país suando en portugués; construíron economías diferentes: gando, madeira, minería, azucre…, en rexións afastadas —que se relacionaban polo trasfego de escravos dunhas facendas para outras.
Brasil foi o derradeiro país “civilizado” en abolir a escravidão. A un avó brasileiro do César aínda o criou unha escrava.
Con todo, o preto facedor do imperio evoluído a república federal non conta con monumentos que o honren.
Nin sequera coma os da vaca marela que —fóra a alma—escravamente fixo o impaís galego.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*