Aclaracións (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/02/2001)

O texto que olla o lector do xornal impreso está tamén ao seu dispor na memoria dun “servidor” conectado á interrede global. Velaí logo como un lector natural de Limodre, parroquia do concello de Fene, e veciño de Madrid pode intervir de inmediato cando lle chama a atención algo do publicado.
Con celeridade telemática recibín de Xoán Ramón Allegue comentarios sobre a columna titulada Asimilar. Fai preguntas e pide aclaracións:
¿Os estranxeiros invaden?— O étimo latino, invadere, implica “penetrar con violencia”. Pero debemos aceptar unha deriva semántica cara á posibilidade de o facer pacificamente, se non queremos considerar violento o violar as leis do país en que se penetra sen os papeis marcados por elas.
¿Galicia está oprimida? ¿Por quen?— Estao, gravemente. Por todas as cadeas de medios de comunicación masiva que mostran a realidade cun punto de vista alleo ao galego e se expresan unicamente en castelán.
¿Os inmigrantes desprezan a cultura galega?— Os inmigrantes a Galicia están tan colonizados coma os galegos polos sistemas de comunicación foráneos que invaden o impaís. Polo tanto, a súa opción cultural é doada: o que chove de Madrid.
¿Cultura é o mesmo que lingua? ¿É Galicia monolingüe?— Hai formas de cultura que non se poden librar do espectro da lingua patrimonial, que condiciona a forma de pensar e mesmo de sentir. Galicia non é un país bilingüe porque nel convivan dúas comunidades de fala diferente. Éo de conversos á lingua “superior”, demencialmente tatexos, non conscientemente diglósicos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/02/2001]

Share

Deixar unha resposta