A exposición (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/02/2001)

O pasado venres, día 2, foi inaugurada na Coruña a exposición Editorial Galaxia 1950-2000: Palabras para un país, á que asistiron mesmo declarados antigaleguistas -suponse que por cuestión de lavaren imaxe e consciencia.
Faltei á Estación Marítima; e non por falta de vontade de acompañar a editorial que acolleu as miñas vaidades desde rapaz, nin de honrar a memoria dos que fixeron posible que se publicase en galego cando os antigaleguistas daquela (tan semellantes na idea básica aos de hoxe) consideraban que era facelo “con faltas de ortografía”.
Non fun porque quedei durmido:
Era venres, día final da semana, no que se acumulan todas as canseiras de viaxar e traballar; de cumprir horarios a matacabalo. Deiteime a botar unha soneca á media tarde e, confiando en que fose breve, abrín o ollo cando xa debía ter rematado o acto.
E o curioso do asunto é que da ausencia ten a culpa a propia editorial Galaxia, responsable da edición dunha novela que me fixera apagar a luz tarde de máis durante todas as noites da semana rematada: As rulas de Bakunin, do Antón Riveiro Coello.
Había tempo que nas miñas mans non caía unha demostración da fórmula áurea da narración: ter unha boa historia e saber contala.
O actual ermo narrativo galego está cheo de figuróns light e figuríns heavy, que, en resumo, non contan nada. Pero o Antón, limiano, é capaz de facernos andar polas Mariñas coruñesas coa seguranza de quen formou parte da escena.
Recomendárama o Pedro Blanco Llano, e acertou.
Oxalá que Galaxia siga neses acertos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*