Protesta (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/02/2001)

Respondo á carta de Antonio González Iturbe, con mención a cousas ditas nunha entrevista.
Antonio, xornalista dedicado ao mundo literario e ben informado das cousas do Impaís por vía familiar, entra en materia amoestándome: “No que respecta á cultura galega, miras a botella media baleira (…) quéixanse de que o catalán non acaba de callar como lingua literaria (…) e do irresistible ataque do inglés (ao castelán)”…
De acordo: son pesimista, e láiome ao ver baleirarse a botella da cultura galega —lingua e costumes— porque cada día hai menos xente paisana (velas aí as necrolóxicas) e nacen menos cativos, urbanos —que non serán galegos de verdade— e paisanos —condenados á desculturación.
A “lingua proletaria” de Celso Emilio xa demostrou dabondo o seu valor como barro literario, capaz de influenciar o a lingua “superior” (os uniformizadores adoran o “trampitán” —como diría Guerra da Cal— valleinclanesco). Pero non ten lectores, porque aquí só importa o que vén de Madrid.
Galicia ata agora era un país homoxéneo (eis os apelidos das listas de teléfono) en canto Cataluña ten unha poboación foránea tan grande que fai milagrosa a perviviencia da cultura indíxena.
O fenómeno da inglesización do castelán é o propio de calquera pobo colonizado: non é que se tomen termos correspondentes a inventos alleos. É que se renuncia aos propios.
España toda vive en situación diglósica con respecto ao inglés, que en Galicia logo se converte en triglósica:
Algo demencial aos ollos dos pesimistas activos, que protestan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/02/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*