Mozambique (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/02/2001)

O sol mostrouse en toda a súa dignidade sobre o Miño. De aí ata Braga todo foi fulxir de herba galega, e de galegos toxos, lavadiños de orballo.
En Braga falouse de transferir coñecementos técnicos, de teleensinar; e aprendemos datos curiosos, estatísticos: das dúas partes da Gallaecia, a do norte ten moitos máis desempregados que a do sur; pero a productividade por empregado a esta banda do río supera nun 60% á da outra.
Na augusta Braccara falouse tamén da História Trágico-Marítima, que todos os navegantes debían ler. E, desde ela, entrouse á África do Sur, nas guerras de africanos contra portugueses, á desgracia de Angola, onde tanta riqueza natural se disolve en sangue; e a Mozambique, que conseguiu a paz e agora prospera na reconstrucción.
“Lá tudo está por fazer” é frase que se repite nas conversas. Coa independencia, a capital deixou de se chamar Lourenço Marques e pasou a ser Maputo, que soa feo, mesmo que os portugueses, como os italianos, chamen “puto” a un neno…
Nas conversas bracarenses, con sol que obriga a usar lentes afumados, sabemos que en Maputo vai haber un congreso de enxeñería “com muita actividade social”.
Os expertos naquel mundo distante fan voar a imaxinación dos oíntes cara a illas de auga prístina, corais e peixiños multicolores. Falan de tendas de campaña, mosquiteiros, elefantes, leóns, hienas, gacelas: a África das películas, Mogambo
Ilumínanse os ollos de relatores e imaxinadores, e todos coincidimos en que Mozambique ben pagará o ser enxeñeiro e congresista.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/02/2001]

Share

Deixar unha resposta