Asimilar (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/02/2001)

Volvendo ás cartas, respondo a de Xoán Ramón Allegue. Segundo el, “Galicia asimila moito mellor que Cataluña ou Euzkadi (sic), precisamente porque non forza a asimilación (…) en España soamente Andalucía ten unha capacidade de asimilación superior a Galicia”.
Esta frase vén ao conto do dito por min á María Ares: o futuro de Galicia como cultura é negro. Fala e costumes están abocados á extinción, porque o país ofrece terra boa para unha inevitable invasión de estranxeiros que optarán polas formas de cultura impostas polo sistema “superior”, o de Madrid.
Ese fenómeno non é novo. Tómense dous exemplos ben distintos: Gales e o Quebec.
Gales, oprimido por Inglaterra (“Prohibido falar galés ou cuspir no chan”, dicían os letreiros), recibiu unha avalancha de mineiros irlandeses que optaron pola cultura do patrón e o “galesismo” ficou reducido á anécdota. Quebec, vendo que os inmigrantes desprezaban o grandeur francés, alarmouse e chegou a prohibir os anuncios en inglés…
Andalucía asimila con dous instrumentos efectivos: o idioma de todos os andaluces, puro castelán alén da pronuncia, e un folclore que os estrategas da cultura uniforme usan desde Madrid como ferramenta. E velaí a “canción española” de sempre.
Andalucía non precisa forzar, porque é unha aliada natural de Madrid. Pero Cataluña, o País Vasco e Galicia representan disidencias e disonancias no sistema.
Galicia só asimilou os poucos foráneos que, a modo, lle fomos chegando.
Polo momento, aínda non sufrira unha invasión.
Pero xa falaremos en vinte anos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/02/2001]

Share

Deixar unha resposta