Fantasía (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/01/2001)

Recibo tres cartas por vía telemática en referencia ás materias faladas con María Ares, moza docemente aguda, nunha entrevista aparecida en Diario de Ferrol.
Son de Eduardo Lago, desde Buenos Aires; de Xoán Ramón Allegue, desde Madrid; e de Antonio González Iturbe, desde Barcelona.
Na orde en que se mencionan foron recibidas, e tal vez sexan respondidas a voapluma por separado ou por xunto, segundo chegaron ou non. Pero vano ser co corazón -e, esperemos, para solaz dos lectores todos…
Perdón por mencionalo, pero, por coñecido ha de perder valor a súa mención. Trátase dun texto “clásico” segundo a María: A nosa cinza.
Foi na feira do libro da Coruña cando o Eduardo o trouxo á procura de dedicatoria, e agora fálame do relato. Chega a pedirme en termos que non deixan lugar á figuración que lle dea unha aperta ao Avelino, con que me espera para un encontro en Miño durante o próximo verán, cando el veña facer a peregrinaxe anual de fillo de emigrantes namorado da terra dos seus.
Sigo lendo e, en mestura de historias arxentinas, volve aparecer o Avelino Caxigao comigo e no circo.
¿Pero quen é o “Avelino”? Un personaxe, mestura de tres: un “compa” que emigrou á Australia e dous amigos que vexo e trato menos do que quixera.
¿E quen son “eu”? Tal vez unha parte do narrador -que agradece ata as bágoas a complicidade de persoas que, como o Eduardo, saben verse dentro da novela.
Para esa “fantasía” -como diría don Gonzalo– se escribe.
É unha fantasía estatística, na que caben, cos personaxes, o lector e o autor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*