En Vilalba (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/01/2001)

A furia do temporal abátese sobre a Chaira asolagada. Alá fican casas illadas no medio dos leiros e os lameiros, cuspindo fume deitado polo vento desde chemineas nobres dunha solemne construcción popular.
Cantas desas vivendas han vivir o temporal sen perspectivas, por culpa dun mal vacún no que as familias non participaron.
Canta demagoxia, canta morbosidade, canta necesidade de vender está arrastrando os medios de comunicación, un tras doutro, en efecto dominó, a asustaren un público estupidizado, televisionizado, capaz de renunciar á carne pero non ao alcol con que se mata na estrada, de sábado a domingo, en todas as pontes e durante as vacacións…
Parador de Vilalba: grande obra. Os paradores son orgullo dunha España que soubo superar réximes políticos querendo dar turismo de calidade.
Calidade. No menú do parador da capital chairega, a vitela galega é de nove meses. Dentro de pouco -de seguirmos así- van matar os cuxos logo de paridos.
En Vilalba, espléndido arroz con botelo. Filloas. Mencía valdeorresa. E un retrouso de tango: “Al mundo le falta un tornillo”.
España vai mal, señores. Porque nela mandan demagogos radiofónicos e televisivos. Os que falan de abrir os brazos á avalancha africana nun país cun doce por cento de parados. Os que van lograr que se afunda o negocio -familiar- da carne. Os que lle calan á xente que os impostos pagos polos de sempre non dan para caridades cos novos, e que cidadáns de pleno dereito só deben ser os que pagan para selo.
Diluvia. E España, desde Vilalba, vese mal.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*