Benchmarking (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/01/2001)

Téñenme xa ata o curuto. Parecen todos cortados polo mesmo patrón. A saber:
Teléfono móbil con vibrador. Sempre en funcionamento (durante as entrevistas senten a vibración, ollan para o número e, se for do xefe ou dun cliente de peso, responden en ton baixiño, advertindo que están “reunidos”).
Carteira con papeis, ordenador portátil (canto máis novo e lixeiro, máis importante o usuario) e algunhas cousas secretas, entre as que se poden encontrar mudas de roupa, porque sempre andan de viaxe, aceleradamente.
Mocidade e ousadía: normalmente son recrutados entre os mellores da facultade ou da escola —polo simple feito de teren perdido menos tempo que os colegas xogando ás cartas no bar do centro; e porque din falar inglés (os pais dalgún deles, na súa española ignorancia, atrévense a dicir que o fillo é “bilingüe”).
Eles van sempre de traxe escuro (que parece o mesmo e quizais o sexa) e gravata vistosa. Elas varían de roupa pero tenden a unha “alegre sobriedade xuvenil” de traxe liso —mesmo de chaqueta e pantalón— con camisas coloridas e xoias (tamén levan bolso, no que adoitan meter o móbil).
No seu atrevemento ofrécenlle ao cliente “displayar los slides” (proxectar as transparencias) da presentación en “pogüerpoin” (Power Point) e, ao fin da sesión, recoméndanlle moito “benchmarking” (estudio comparativo) para loitar coa competencia…
Como dicía, téñenme ata o curuto e, cada vez que me asaltan, lembro unha definición ianqui de consultor: “Suxeito que, cando lle preguntas a hora, che pide o reloxo”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*