Tren “bara” (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/01/2001)

No 64 saín para Madrid desde Ferrol. A máquina do tren era de carbón, os vagóns cheiraban inesqueciblemente a RENFE (a feluxe e humanidade sucia) e a viaxe durou dezasete horas.
Repetín esa viaxe unhas corenta veces, a vapor e a gasóleo, ata que puiden comprar o primeiro “600” para nunca máis viaxar en tren.
Pasaron os anos. Coñecín a civilización que se desenvolvera sobre os camiños de ferro. Inglaterra marcoume pola frecuencia dos servicios, a velocidade, a regularidade e aquela limpeza dos convois …
Despois virían viaxes en ferrocarrís de reloxería, por Suíza, Alemaña ou Suecia.
Cheguei a ter fe no máis antigo dos medios de locomoción mecánica e terrestre.
Pero de novo a perdín nos 80 viaxando no Talgo entre a Coruña e Madrid: en dez horas. Xulguei que mentes perversas tentasen facerme renegar cando tiña vontade de crer.
Entón andei polo Xapón no tren que un intérprete chamaba “bara”, confundindo, como fan os orientais, o “ere” co “ele”. O Tren Bala vencía sinistras orografías insulares a velocidades de avión. Tiña algo de onírico pensando en España, e de imposible ao pensar en Galicia.
En Francia fun viaxeiro do TGV ata lugares periféricos, ás mesmas velocidades de vertixe. E probei a aventura do AVE na España dos 90, con satisfacción —e seguridade de que nunca o vería entrar en Galicia.
Agora seica si, con paciencia…
Oxalá que cheguemos a usalo. Pero, no entanto, que no 2001 nos poñan tren entre Ferrol e a Coruña. Non fai falta que sexa “bala”. Abóndalle con ser só tren.
Con iso eu mantería a fe viva.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*