O. B. E. (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/01/2001)

Os brasileiros falan de “os pampas” en masculino, e dos “gaúchos” con peculiar acento…
Acabo de falar cun fillo das terras brasileiras que molla o río Uruguai e tiven saudades dun lugar, Tres Figueiras, e dun puro sangue inglés, estraño en tales pagos de pingos crioulos.
Ese cabalo, que me facilitou moi divertidas visións, fora o cariño dunha grande dama, amazona ata os seus noventa anos. Chamábase Gladys van Deurs, co apelido do marido porque era cidadá británica, mais que se apelidaría Baillie Cardona se fose española.
As estancias de Tres Figueiras nas pampas do Rio Grande do Sul e de San Juan nas de Buenos Aires eran as súas favoritas; pero tiña máis, e o mundo ficáballe pequeno. Viaxaba en Concorde sempre que houbese liña e distribuía o ano de seis en seis meses, unha metade en cada hemisferio, á procura do bo tempo, e con bases principais nas capitais da Arxentina e da Gran Bretaña.
A tía Gladys era descendente de fidalgos escoceses e cataláns: por parte de pai, do comandante do barco que levou Napoleón a Elba; pola da mai, do médico dun pretendente don Carlos que nunca chegou a reinar en España.
A súa vida transcorreu na adoración -coñecida- de dous homes e nos odios de moitas mulleres, que a vían insuperable en beleza, elegancia e riqueza.
Reina dos saraos, lida e culta, arxentina de nacemento, soubo facilitar as cousas a distintos reis e sucesivos gobernos da refinada Albión…
A auntie Gladys pertencía á O. B. E., a Orde do Imperio Británico -o que hoxe, se cadra, ten outras xustificacións.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/01/2001]

Share

Deixar unha resposta