Don José (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/01/2001)

Foi na Feira do Libro de Buenos Aires, hai anos. Os postos institucionais de Portugal e Galicia estaban xuntos. Os fotógrafos aínda non se decataran da presencia do escritor cando apareceu a súa señora, cun xeito de andar que provocou a grosería:
—¡Che, qué yegua,! —dixo un feirante.
—¡Calláte, que es la mina del viejo! —contivérono.
Referíanse a José Saramago e Pilar del Río, de quen falo logo de ler un artigo de Franco Grande, escrito —supoño— despois dun programa de Sánchez Dragó en que seica aparecían eses dous personaxes do teatro literario.
Xosé Luís Franco, de quen admiro a independencia, cualifica o narrador de anticuado, pedante e baleiro, e non se couta nas referencias ao termo “saramago”: herba ruín para quen sabe delas.
Eu, sen embargo, teño que dicir que “don José” sempre me deu unha impresión de humildade rara entre escritores, e que non me importa perdoarlle a perda de gas producida cos anos —que todos habemos pasar polas súas portas.
Preocúpame máis que os meus amigos portugueses definan as súas últimas obras como “maçadas”, e que lles eu teña que recoñecer un claro desencanto ao lembrar o que Saramago prometía cando só o podiamos ler en portugués.
Percibo tamén que o home —alén da obra— perde simpatizantes, e (oxalá erre) imaxino para iso causas extraliterarias, conxugais.
Dona Pilar, españoleira, naquela ocasión feiral e porteña definiuse cunha frase:
Los gallegos habláis portugués mal hablao.
E os amigos portugueses dinme que tamén debe considerar o portugués como castelán desarranxado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/01/2001]

Share

Deixar unha resposta