Camioneiros (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/01/2001)

O presidente dos Estados Unidos do Brasil asegura que o canto dá unidade a tan vasto territorio, con tan varias xentes, é o idioma: o portugués que todos falan, aínda que moitos pensen noutra lingua, indíxena ou traída da emigración.
Nos Estados Unidos de América (de tan ambicioso nome, cando só ocupan unha parte do Norte) pasa algo semellante; e tamén no inmenso Canadá.
Eses países teñen lingua e ensino comúns. Pero os futuros Estados Unidos de Europa, non.
Segundo se consolida a Unión, maiores son as distancias a percorrer coas mercadorías que non paran en fronteiras e alfándegas. Europa convértese aceleradamente nun espacio comercial común -e, sen embargo, o descoñecemento de pobos e rexións, de linguas e costumes, leva a situacións dramáticas.
Coma a do conductor dun camión que -se non fose polo grave do asunto- incitaría á hilaridade: porque manda chover na Habana iso de conducir tal aparello rotulado de Bananen Express, ou Expreso das Bananas en alemán, o idioma máis falado da Europa.
Ese pobre descoñecedor da xeografía galega non caeu ao mar porque Deus é grande e os anxos da garda funcionan a todas as horas. E non vale facer xogos de palabras sobre un “impaís bananeiro”; porque, sinxelamente, neste caso, o impaís non ten a culpa do despiste…
Despois do que pasou cara aos cantís medoños da punta Candieira non sería mala cousa crear unha escola de conductores de camión ao estilo da de navegantes que fixera en Sagres o infante don Henrique.
Para camioneiros cultos, Fisterra sería lugar inspirador.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*