Paiosaco (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/01/2001)

Tregua entre temporais. En xornada seca, ventosa, con claros no ceo, armouse excursión entre Arteixo e Laracha, desde Os Laranxos a Paiosaco.
Atravesáronse aldeas e bosques, con saúdos de xente e grandes vistas: de aves suspendidas no vento, lombas esmeraldinas e un mar gris anilado a sinalar a redondez do Globo.
Paiosaco fervía ao amor da feira; os coches andaban de vagar e a xente formigueaba á procura dos productos. Nun recanto do feiral estaban dispostas as barras para amarrar as bestas visitantes. Preto delas, árbores. Nas barras, cabalos de porte normal. Atado a un pradairo, un inmenso percherón enteiro, disposto a mostrar atributos para servicio de eguas. Noutra árbore espida polo inverno, outro cabalo desmesurado, castrado.
Curiosamente, os tamaños das cabalgaduras estaban en relación inversa cos dos donos: as máis acorporadas obedecían a homes ananos, un deles coxo, cunha bota adiantada de máis, quizais porque a esa perna lle faltase a rótula.
Na feira competían vendedores paisanos, xitanos, mouros e negros de acibeche. Daba impresión de “evento internacional”. Pero os callos estaban aínda gobernados por xente da tribo vella, e feireáronse cabezadas e outros equipos con persoal lugués.
Personaxes infantís de Neira Vilas curioseaban as bestas, un deles co nariz cuberto de esparadrapo:
—Porque me trabou un can nel —explicaba…
Na feira de Paiosaco xuntábanse cabalos, callos, indíxenas e inmigrantes, todos con teléfono móbil: un resumo do Impaís que estrea o milenio deses nenos que —aínda— falan galego.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*