A Beatriz (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/01/2001)

Descoñecida Beatriz: Acuso ter recibido a túa carta, que respondo como as que me chegan en ton de discrepancia e sen ánimo de ofensa.
Refíreste á nota de hai días titulada Marxinais. Pos en dúbida a solidariedade dos mozos que me dixeron que os novos inmigrantes a España van tentar axiña a súa integración no sistema que os xitanos veñen rexeitando desde hai séculos. Non pareces entender a referencia aos Estados Unidos en relación aos coñecementos sociais deses mozos. Criticas a evasión fiscal dos ministros e os profesionais. E protestas por eu tocar o asunto nun medio de comunicación que pode servir de amplificador sobre o que consideras impresentable…
Gracias, e aclároche:
Que estou contigo canto á crueldade con que historicamente foron tratados os xitanos, e recoméndoche que leas The Bible in Spain de George Borrow. Que os rapaces mencionados —por exemplo— son sistemáticos e solidarios doantes de sangue. Que Estados Unidos é clara mostra de sociedade explosiva pola súa desintegración. Que tan insolidario é o marxinal que non paga impostos e demanda atención da seguridade social coma o ministro “neoliberal” que fai trapalladas co seu privado IRPF. Que os medios de comunicación están para recibiren crónicas de quen non fai como o avestruz, senón que olla e reproduce o visto…
Aínda máis, amiga lectora, coido (¿neoliberalmente?) que no formigueiro todos somos formigas: sonche partidario do traballo, e da educación que dá os mesmos dereitos a todos os cidadáns —menos aos que a rexeitan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/01/2001]

Share

Deixar unha resposta