“Bueno” na RG (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/01/2001)

Como moitos días desta vidiña, viaxei en coche e escoitei a radio: oín a Galega durante varias horas, desde as temperás do Xusto López Carril ata as serodias de María Solar.
Ao longo delas puiden comprobar como as normas do galego racional e doadamente recuperable son infrinxidas por locutores e participantes nos programas. O galego está minado polo castelán, á súa vez minado polo inglés.
Unha vez mais observei os efectos da diglossia tremens, que levaron ao madrugador Xosé Durán a corrixirse: logo de pronunciar o apelido do ministro Rajoy correctamente, con xota galega, cambiou o rexistro para o jota castelán —supomos que por considerar máis axeitada a pronuncia en relación a quen manda na cidade que se chamou Majrit.
Locutores e conversantes da Radio Galega, sen embargo, teimaron en pronunciaren á catalana “Jordi Pujol” (quen seica anda en dificultades políticas), quizais por entenderen que un catalán xamais renunciaría á súa identidade importante, mentres a identidade dun galego é algo insignificante…
Pero o máis curioso das observacións desas horas de radio foi o referente ao constante retrouso “bueno”. Os locutores da emisora que se supón debe axudar a normalizar o idioma xamais usan os equivalentes galaico-portugueses “bo” ou “ben”.
Feito o comentario, un acompañante de viaxe tivo a ocorrencia:
—Se o director lles fixese pagar un peso por cada vez que din “bueno”, cando lles chegase a nómina xa verías.
Outro foi máis lonxe:
—Sorte que o “okay” aínda non chegou a San Marcos…
Tempo ao tempo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/01/2001]

Share

Deixar unha resposta