Paxaros (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/01/2001)

<

p align=”justify”>Como dicía onte, en Bilbo atopei o amigo Juan Fernández, que anda a construír pesqueiros con notorias sofisticacións. Non houbo moito tempo para falar durante a espera do avión en Sondika, mais, con todo, aínda se latricou.
Segundo é propio de curiosos en materias que teñan que ver coas ciencias e as súas aplicacións, abondaron os minutos para logo falarmos dos prezos a que vai o equipamento dos buques en que homes valentes e necesitados se arriscan sobre as ondas.
Dos equipamentos xerais, entramos aos electrónicos; dos electrónicos, nos dedicados á detección da pesca e dos obstáculos sobre o mar. Así pasamos dos sonares e as sondas aos radares.
Souben con seguranza por Fernández das posibilidades dos ultrasóns embaixo da auga, con dispositivos que permiten determinar as medidas precisas dos compoñentes dos cardumes -a punto de non haber desculpa para a pesca indiscriminada.
O escoitado ao especialista a respecto deses sonares non me resultou novo, mais vin novidade nuns radares que, xunto con ordenadores e programación adecuada, axudan a descubrir onde hai bandadas dos paxaros que sinalan a presencia dos atúns, ou doutras especies.
Entre os que pretenden a pesca selectiva, seica volve estar vixente algo tan antigo coma a observación das aves e o seu comportamento para deducir a conveniencia de botar as redes. Só que agora non fai falta mandar un home ata alá enriba dos mastros para que axude ás decisións do patrón con vista aguda.
Microondas que rebotan nos paxaros fan o traballo con precisión.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*