Zamudio (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/01/2001)

Zamudio é unha viliña alá no monte. En Zamudio, tan preto de Bilbo, hai un parque tecnolóxico que paga a pena ver, con empresas de tecnoloxía punteira e centros de transferencia tecnolóxica ao teor do que as empresas esixen. O País Vasco é un exemplo de vontade de cooperación entre o goberno da comunidade, as deputacións históricas e as asociacións empresariais -sen que falte a acción das entidades financeiras.
No centro tecnolóxico dedicado ás tecnoloxías da información e da comunicación transcorre unha xornada densa, sen a penas dereito a ollar pola fiestra os ceos pálidos, parcialmente toldados de nubes sucias e quietas.
Unha queixa xeneralizada é a de que non hai rapaces dabondo para faceren o traballo: o invento da “sociedade da información” non é só frase linda. Velo aí a distorsionar o sistema laboral, a provocar subas de salarios…
Un xantar con entrecostos deliciosos, da mellor vaca, fai entrar en asuntos que provocan o silencio prudentísimo dos anfitrións vascos: un deles, a mostra de odios a morte entre palestinos e israelís; outro, o asturianu, que unha colega de Xixón define como “lingua artificial reconstruída a base dos distintos bables”.
No aeroporto, que está a tiro de fonda, atopamos un personaxe benquerido, enxeñeiro naval de ollar claro e vehemente: Juan Fernández.
O exconselleiro de industria explica o porqué de Zamudio:
-No País Vasco, bancos e caixas recollen pasivo dabondo como para que as aventuras tecnolóxicas supoñan riscos aceptables. En Galicia, sen fábricas, recollen pouco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*