Bilbo (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/01/2001)

<

p align=”justify”>De noite comeza o voo entre Lavacolla e Sondika. No avión pequerrecho atopo un vello amigo. Fungan as turbohélices e reconstruímos vidas. Sei da súa impresión de traballar no Brasil: aquilo é a grande potencia iberoamericana, onde o estético ten tanta importancia como para que os varóns se fagan retoques cirúrxicos e mesmo os publiciten.
Dime que unha filla lle anda cun asiático, que o fillo dun coñecido casou cunha xaponesa e que a estatística de durabilidade de matrimonios hipano-nipóns é penosa: dous anos de media…
A nova terminal de Sondika, “supergaláctica”, déixanos boquiabertos; e baixamos a Bilbo, onde aínda resoan os ecos da última bomba menor: a dirixida contra o sindicato da Ertzainza.
Pasamos polo museo feito en titanio e infórmannos de que lle apareceron manchas vermellas ao metal inoxidable. Chegamos á praza de altos pradairos na que se levanta o pazo de xustiza e ficamos abraiados cun negocio próximo, La tienda del espía, onde se venden de todo tipo de trebellos para o oficio —o que, logo das gargalladas, fai pensar en sombríos porqués.
Pasan a cea e as conversas, tecnolóxicas e filolóxicas; e na soidade do hotel o mando a distancia convida a unha exploración. Na única cadea que fala vasco (ETB tamén ten un canal en castelán) un presentador conversa por teléfono con trasnoitadores.
Repite ata a fartura “bueno”, incrustación de idioma alleo e, con moita dificultade, descóbrese que esa xente fala de El Salvador.
Por fortuna, no País Vasco aínda hai sensibilidade para traxedias lonxincuas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/01/2001]

Share

Deixar unha resposta