DNI (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/01/2001)

Hai semanas fun renovar o DNI. Entreguei foto a cor e datos, e devolvéronme un resgardo. Con el, hai días recollín o novo DNI e alá me vexo dez anos máis vello en foto dixitalizada, xunto con sinatura que supoño tamén debeu seguir o mesmo proceso de conversión analóxico-dixital ata se ver reducida a unha masa de ceros e uns, depositados en memorias de varios servidores de rede telemática e policial.
O documento que me entrega a policía só indica -en aparencia- lugar e data de nacemento, nomes de pía dos pais e enderezo de moradía actual. Desaparece a profesión, mostrada polo anterior (que, por certo, non me deixaron quedar a xeito de reliquia, como se fai cos pasaportes).
Digamos que é un documento de identidade con tons de modernidade, plástico, compacto, con “augas” e gravuras que o fan difícil de falsificar, entregado cunha esperanza de uso de dez anos -pero que facilmente ha de sucumbir aos avances da técnica:
No momento en que todos os trámites se van poder facer con acceso á rede de datagramas (a Internet), resulta necesario un dispositivo en que depositarmos a nosa sinatura dixital.
De aí que se fale dos “cartóns intelixentes”, con circuítos incorporados nos que residen todos os elementos de identificación do portador.
O novo DNI -xa intelixente- quizais conserve compoñentes visibles do actual. Non ha ser de superior tamaño. Pero a súa utilidade será infinitamente maior, para todos os trámites cotiáns, desde a compra de artigos ao recoñecemento das marcas dactilares…
Agardemos e vexamos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/01/2001]

Share

Deixar unha resposta