O Pasatempo (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/01/2001)

Era día de inverno magnífico cando a cabalo falamos do Pasatempo, curioso xardín betanceiro.
Anacos de brétema densa e quieta, perfecto algodón de fotografía, entoucaban as alturas que cerran o val de Loureda e non deixaban ver as penas poderosas da Santa Locaia.
As nosas bestas ían alegres, ben mantidas, necesitadas de exercicio. A Aixa mesmo retrotaba e me dificultaba a conversa co xinete compañeiro, Xosé Crespí.
Vadeamos un río crecido e metémonos polos bosques en que os cazadores aínda seguían na teima asañenta contra o raposo.
E falamos. O Xosé, arquitecto de paisaxes, formado na Holanda das perfeccións paisaxísticas, contoume que participara na reconstrucción dos xardíns de García Naveira.
Por el souben que aquel xeneroso emigrante tivera tratos co barón Rothschild, financiador do ferrocarril que o betanceiro quería facer pasar pola súa vila; que o financeiro posuía unha mansión na liña mediterránea e anil de Francia, cuns xardíns que tentaron o indiano galego.
Xosé Crespí prepara un documento titulado O xardín do indiano e gustou de saber doutros indianos betanceiros con apelido coincidente, os Naveira, que mantiveran o asilo da antiga capital de Galicia.
Conteille que esa familia foi tamén rica e poderosa na Arxentina, e que aínda conserva en perfecto estado, habitado, un casteliño ludwigiano alá por Luján.
Xosé quixo saber máis. Prometinlle moitas fotos.
Esquecín falarlle dos xardíns —700 hectáreas— da estancia de Ramón Santamarina no Tandil.
Pero habemos cabalgar xuntos moitas outras veces.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*