O francés (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/01/2001)

Foi nun instituto de Lugo, a falar das propias novelas. O coloquio cos rapaces derivou cara alén dos detalles da relación entre autor e relato.
Falamos da razón de ser das linguas, a proporción entre cordialidade e utilidade no seu uso. Analizado o galego en comparanza co castelán e o portugués, xurdiron necesariamente o inglés, o francés e o alemán.
Daquela foi cando larguei a arroutada: “Os de Ferrol aprendemos desde pequenos inglés. Non perdemos o tempo estudiando francés como no resto de España”.
Á saída veume ver unha profesora de francés que falaba un magnífico galego dialectal, montañés, a me dar as súas “razois” na defensa da lingua que ensinaba —xa con poucos alumnos, que eu lle acababa de desmotivar.
Pedinlle desculpas e sentín non poder reunir de novo os rapaces para lles dicir que a lingua dos franceses (xacobinos e supresores de falas “regionales”) é un grande medio de transmisión de cultura universal…
Conto isto porque, para un traballo telemático, andaba eu tolo entre documentos escritos en inglés —libros, revistas e páxinas web— cando atopei un texto académico rotundamente perfecto escrito en francés.
Daquela tirei polas lembranzas dos tempos en que traballaba para unha compagnie parisina, da gramática que fora lendo en viaxes de avión e da práctica de conversa cos colegas transpirenaicos.
De novo agradecín ao inglés a cantidade de francés —normando ou moderno— con que se formou e gocei da sorte de entender outras linguas latinas:
Din que falando tres, a cuarta é doada.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/01/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*